Docsity
Docsity

Prepara tus exámenes
Prepara tus exámenes

Prepara tus exámenes y mejora tus resultados gracias a la gran cantidad de recursos disponibles en Docsity


Consigue puntos base para descargar
Consigue puntos base para descargar

Gana puntos ayudando a otros estudiantes o consíguelos activando un Plan Premium


Orientación Universidad
Orientación Universidad


Textos de autores ABAU, Apuntes de Gallego

Diferentes textos dos autores representativos de ABAU

Tipo: Apuntes

2021/2022

Subido el 17/01/2023

eva-diaz-10
eva-diaz-10 🇪🇸

4 documentos

1 / 58

Toggle sidebar

Esta página no es visible en la vista previa

¡No te pierdas las partes importantes!

bg1
1
LITERATURA GALEGA
DO SÉCULO XX E DA ACTUALIDADE
2º DE BACHARELATO
IES SÁNCHEZ CANTÓN
CURSO 2013-2014
pf3
pf4
pf5
pf8
pf9
pfa
pfd
pfe
pff
pf12
pf13
pf14
pf15
pf16
pf17
pf18
pf19
pf1a
pf1b
pf1c
pf1d
pf1e
pf1f
pf20
pf21
pf22
pf23
pf24
pf25
pf26
pf27
pf28
pf29
pf2a
pf2b
pf2c
pf2d
pf2e
pf2f
pf30
pf31
pf32
pf33
pf34
pf35
pf36
pf37
pf38
pf39
pf3a

Vista previa parcial del texto

¡Descarga Textos de autores ABAU y más Apuntes en PDF de Gallego solo en Docsity!

LITERATURA GALEGA

DO SÉCULO XX E DA ACTUALIDADE

2º DE BACHARELATO

IES SÁNCHEZ CANTÓN

CURSO 2013-

TODA HUMILDE BELLEZA...

Vago xirón de brétema, atavío soberbio da irta xesta, reidora, fulgurante doíña de rocío (pazo do sol e lágrima da aurora);

raiola de lunar que bica o río, flor mareliña que entre espiñas chora, ou das redes da araña un tenue fío, toda humilde belleza me namora.

É un vermiño de luz o amigo caro do meu nume saudoso... Antes reparo na nudez adorable dunha estrela

que nas rosas dos vales, que sorríen, que nos mantos dos pinos, que se engríen, que nas blondas do mar, que se rebela ( Noriega Varela , Do ermo, 1920 )

¡Nin rosas brancas, nin claveles roxos! eu venero as froriñas dos toxos.

Dos toxales, as tenues floriñas, que sorríen, a medo, entre espiñas.

Entre espiñas que o ceio agasalla con diamantes as noites que orballa.

¡Oh do ermo preciado tesouro: as froriñas dos toxos son de ouro!

De ouro vello son, mai, as froriñas dos bravos toxales, ¡das devociós miñas!.

( Noriega Varela , Do ermo, 1920 )

MANUEL ANTONIO: De catro a catro (1928) SÓS

FOMOS ficando sós

o Mar o barco e máis nós.

Roubáronnos o Sol O paquebote esmaltado

que cosía con liñas de fume

áxiles cadros sin marco

Roubáronnos o vento. Aquel veleiro que se evadeu

pola corda floxa do horizonte

Este oucéano desatracou das costas e os ventos da Roseta ourentaron-se ao esquenzo As nosas soedades veñen de tan lonxe como as horas do reloxe Pero tamén sabemos a maniobra dos navíos que fondean a sotavento dunha singladura

No cuadrante estantío das estrelas

ficou parada esta hora:

O cadavre do Mar

fixo do barco un cadaleito

Fume de pipa Saudade Noite Silenzo Frio E ficamos nós sós Sin o Mar e sin o barco nós.

NAVY BAR

Este bar ten balances E tamén está listo pra se facer á vela

Enchéronnos o vaso con toda a auga do Mar pra compor un cocktail de horizontes

Pendurados das horas atlas xeográficos d´esperantos están sin tradución E tatexan as pipas co ademán políglota das bandeiras

Ese cantar improvisado é o mesmo que xa se improvisou nalgures

¿Quen chegou avisándonos desa cita noiturna que temos co vento ao NE na encrucillada das estrelas apagadas?

Eiquí bebe de incónito o Mariñeiro Descoñecido -sin xeografía nin literatura- A noite dos naufraxos co seu brazo salvavidas aferrará connosco unha vela de chuvascos

O vaso derradeiro Estaba cheo de despedidas

Polas rúas dispersas ibámonos fechando cada un dentro da súa alta mar

No repouso dulgún vaso tódalas noites naufraga o Bar

Riandiño, Iograr

Amigas, quando vier meu amigo demandar por mi, que vaia veer se estarey ante o altar de Santa Comba, ú m´el viu o día que se partiu.

Quando quiser meu amigo amigas, fillar perfía por trebellar ora migo, nembrádelli a romaría de Santa Comba, ú [m´el viu] o día que se partiu.

Amigas, digades quando ora vos él perguntar, veja se estarey chorando dos olhos ante o al[tar] de Santa Comba, ú [m´el viu] o día que se partiu.

Xosé Mª. Álvarez Blázquez Cancioneiro de Monfero, 1953 ------------------------------------------------

GÁNDARA N-aquel biduído dos bidos louzanos o páxaro Sol non pía seus raios, e morre de amor.

N-aquel biduído dos lanzales bidos o páxaro Sol non criba seus píos e morre de amor.

Non criba seus ritmos, non pousa seus raios e albean de frío os albres delgados e morren de amor.

¡Non ceiba seus raios, non tece seus fíos e albres e mámoas albean de frío ca poldra que morde no mato cativo.

Fermín Bouza-Brey , Nao senlleira, 1932.

No niño novo do vento hai unha pomba dourada, meu amigo! Quen puidera namorala!

Canta ao luar e ao mencer en frauta de verde olivo. Quen puidera namorala, meu amigo!

Ten áers de frol recente, cousas de recén casada, meu amigo! Quen puidera namorala!

Tamén ten sombra de sombra e andar primeiro de río. Quen puidera namorala, meu amigo!

Álvaro Cunqueiro Cantiga nova que se chama riveira 1933

ELA I EL. POEMA 1

A casa tiña a faciana desdobrada polos seus mesmos teitos e ninguén dos dous sabía como comezar a romper o encaixe das fendas das paredes.

Ela andaba núa polos aramios das lámparas. El tiña un cóbado descolgado do seu lado ezquerdo e un feixe de habitacións estreitas rubíalle até os ollos.

Tampouco ningún sabía como adormecer as exactitudes da luz i era o día cabal da invención dun pequeno amor nunha escaleira de caracol. Poemas do Si e do Non , 1933 Álvaro Cunqueiro

CELSO EMILIO FERREIRO

O pan é máis útil que a poesía, pro ¿como comer o pan sen o compango da poesía?. A.S.

Cando quero vivir digo Moraima. Digo Moraima cando semento a espranza. Digo Moraima e ponse azul a alba.

Cando quero soñar digo Moraima. Digo Moraima cando a noite é pechada. Digo Moraima e ponse a luz en marcha.

Cando quero chorar digo Moraima. Digo Moraima cando a anguria me abafa. Digo Moraima e ponse a mar en calma.

Cando quero surrir digo Moraima. Digo Moraima cando a mañá é crara. Digo Moraima e ponse a tarde mansa.

Cando quero morrer non digo nada. E mátame o silencio de non dicir Moraima

XANEIRO 1972, II

O MEDO

Cando o corvo da noite se pousaba nas derradeitas luces do solpor, os meus ollos de neno enchíanse de bágoas e de lóstregos.

O vento que fungaba nas vereas era un home langrán envolto en brétema cun fol ó lombo pra levar meniños.

Os albres semellaban pantasmas de cabalos desbocados agallopando os eidos.

Un medo que me viña das raíces do mundo tremíame no sangue.

Pasaba o xornaleiro asubiando con dous luceiros prendidos na eixada, i eu tiña medo.

Pasaba o cazador con bafexantes cans arrecendendo a toxos e carqueixas i eu tiña medo.

Pasaban de ruada os fortes mozos que voltaran da guerra tan contentes, i eu tiña medo.

Ao pasar ó meu lado e verme os ollos, alporizados, pasmos, decíanme: ―Non teñas medo‖, i eu tiña medo

Soio cando chegaba ós meus ouvidos a doce voz de mel da miña vella, xa non tiña medo.

Agora non comprendo como aquil ser cativo, aquela vella nena tan endébel, (nos eus ollos azures había luces de amenceres novos) podía escorrentar tan grande medo. ( O soño sulagado , 1955)

POEMA NUCLEAR

¡Que ben, que a bomba vén co seu rebombio! A bomba, ¡bong!, a bomba, bon amigo. A bomba con aramios, con formigas, con fornos para asar meniños loiros. A bomba ten lombrices, bombardinos, vermes de luz, bombillas fluorescentes, peixes de chumbo, vómitos, anémonas, estrelas de plutonio plutocrático, esterco de cobalto hidroxenado, martelos, ferraduras, matarratos.

A bomba, bong. A bomba, bon amigo. Con átomos que estoupan en cadeia e creban as cadeias que nos atan:

Os outos edificios. Os outos funcionarios. Os outos fiñanceiros. Os outos ideais. ¡Todo será borralla radioaitiva!

As estúpidas nais que pairen fillos polvo serán, mais polvo namorado..

Os estúpidos pais, as prostitutas, as grandes damas da beneficencia, magnates e mangantes, grandes cruces, altezas, excelencias, eminencias, cabaleiros cubertos, descubertos, nada serán meu ben, si a bomba vén, nada o amor, e nada a morte morta con bendiciós e plenas indulxencias.

¡Que ben, que a bomba vén! Nun instantiño a amable primavera faise cinza de vagos isotopos placentarios, de letales surrisas derretidas baixo un arco de átomos triunfaes.

A bomba, ¡bong! A bomba co seu bombo de setas e volutas abombadas, axiña vén, vela aí vén, bon amigo.

Estanos ben! ¡Está ben! ¡Está bon!

¡¡¡booong!!! O soño sulagado , 1955

MONÓLOGO DO VELLO TRABALLADOR

Agora tomo o sol. Pero até agora traballei cincoenta anos sin sosego. Comín o pan suando día a día nun labourar arreo. Gastei o tempo co xornal dos sábados, pasou a primavera, veu o inverno. Dinlle ao patrón a frol do meu esforzo i a miña mocedade. Nada teño. O patrón está rico á miña conta, eu, á súa, estou vello. Ben pensado o patrón todo mo debe. Eu non lle debo nin xiquera iste sol que agora tomo.

Mentras o tomo, espero.

Longa noite de pedra ,

GOETHE

Aquil señor burgués condecorado, usía ou escelencia ben cebado, que ronca con pracer na noite longa e ten muller feliz, de teta oblonga, con dous fillos petisos, deportistas, un pouco libertinos e "juerguistas", idiotas pola nai, polo pai, grosos; pondo dentes de can que venta os ósos, ponse a rosmar e morde; "Eu prefiro a inxusticia ao desorde"

Longa noite de pedra, 1962

Enterro do neno probe

Punteiros de gaita acompañábano. O pai, de negro; no mar, unha vela branca. Os amiguiños levábano. Non pesaba nada.

Abaixo o mar; o camiño no aire da mañá. Il iba de camisa limpa e zoquiñas brancas.

Os amiguiños levábano. Non pesaba nada.

( Luís Pimentel , Sombra do aire na herba, 1959 ) --------------------------------------------------------------

BIOGRAFÍA

Hai un seixo branco que marca o momento do teu nacemento semellante a unha estrela que alumease ao lonxe.

Hai unha pedriña no noso calendario que marca o mes i o ano das túas mágoas.

Hai somentes unha cruz no día quince do mes de Santiago do mil oitocentos oitenta e cinco.

Ficamos axionllados.

Concerto de outono, Luz Pozo Garza

  1. ( verbas a Rosalía )

NOITE NO MUNDO

NOITE do mundo, oco de estrela arrincada, onde teimo verte de repente arder sobre a miña vida cuase consumida na ourela da nada!

Ai ter teu alento no meu rostro ó fin, i eu diantos teus ollos derrubarme en lus, esvaerme no aire que ti vas beber, ser teu rastro, ser teu eco perdido e, cuase non ser. ( Nimbos , 1961, Xosé María Díaz Castro)

QUEZAIS

NON SEI por que me deron esta mañán vidrada chea de alas de pomba. Foi, se cadra, un grande anxo esquecido que tivo dó destes ollos cansos.

Non sei, por que me deron esta tarde tan cenza cunha fonte no medio. Quezais nunha batalla sin nome oieu a Virxe voz que ela conocera.

I esta noite baixiña con mil ventás acesas, e baixo dela un leito! Quezais Deus, tendo dó da noite que hai en min, variou soles e mundos. ( Nimbos , 1961, Xosé María Díaz Castro)

LETANÍA DE GALICIA

De tanto calar xa falo eu só

GALICIA digo eu un di GALICIA GALICIA decimos todos GALICIA hast´os que calan din GALICIA e saben sabemos

GALICIA da door chora á forza GALICIA da tristura triste á forza GALICIA do silencio calada á forza GALICIA da fame emigrante á forza GALICIA vendada cega á forza GALICIA tapeada xorda á forza GALICIA atrelada queda á forza

libre pra servir libre pra servir libre pra non ser libre pra non ser libre pra morrer libre pra morrer libre pra fuxir libre pra fuxir

GALICIA labrega GALICIA nosa GALICIA mariñeira GALICIA nosa GALICIA obreira GALICIA nosa

GALICIA irmandiña GALICIA viva inda

recóllote da TERRA estás mui fonda recóllote do PUEBLO estás nil toda recóllote da HISTORIA estás borrosa

recóllote i érgote no verbo enteiro no verbo verdadeiro que fala o pueblo recóllote prós novos que vein con forza prós que inda non marcou a malla d´argola prós que saben que ti podes ser outra cousa prós que saben que o home pode ser outra cousa

sabemos que ti podes ser outra cousa sabemos que o home pode ser outra cousa

/a parte en cursiva diraa o coro/ 1968

Uxío Novoneira

XOSÉ LUÍS MÉNDEZ FERRÍN

Veleiquí a man alongada na

direución do tempo e os ollos reptando como

un río que escorre en folgados

anuncios da final derrota no

mar e veleiquí a man concentrada de

sempre, cerciorando a condición imposible

de cada cousa e veleiquí os ollos que

capaces serían de pór ponto final á

direución do tempo e declaro formalmente que

cada intento de achega-la man -veleiquí

a man alongada cara ti e vós- afoga nas

toldadas augas dos vencidos meus

ollos, á espera dunha poboación máis fera

e leda e veleiquí o remate do

vivir, tantos e tantos anos retrasado.

(Con pólvora e magnolias, 1976)

Saudemos a morte;

na palma da man non sosteñamos ónices.

Chamémoslle:

libro de silencio,

pórtico terminal da escravitude,

escritura feliz da opacidade,

luz que desata e nome da ledicia.

Saudemos á morte;

non deamos pousada a Bach ou Joplin.

Contemplemos

o seu fremoso rostro á nosa beira.

(Con pólvora e magnolias, 1976)

BANDO

Prohíbese por orde da Alcaldía,

que medren poque si

as rosas do xardín municipal.

Dende agora as pombas teñen

que pedir licencia para voar.

Prohíbeselle á lúa

andar ceiba de noite polo ceo.

A lúa é unha tola que anda espida

dando mal exemplo ás nenas castas

e aos fillos de boa familia.

Pagarán trabucos os poetas.

Prohíbese soñar de 10 a 11.

Prohíbese tamén derramar bágoas.

Pódese chorar tan só cando hai sequía

para que non fiquen valdeiros os

pantanos.

Un só se pode emocionar

os Xoves e Domingos

cando toca

a Banda do Concello no quiosco.

Están fóra de Lei

as estrelas, a Primavera,

as flores e os paxaros.

Dáse este bando en tal e cual

para que se cumpra

de orde do Alcalde.

Firmado e rubricado.

( Documentos personais , Manuel María )

Hai nas cidades unha tristeza de domingo, unha luz de aceiro caendo polas rúas, unha espera nas esquinas e na cola dos cines, unha preguiza da mañá que perdura nas pálpebras do día, esas parellas de apertas comedidas e de boca triste, toda esa xente de domingo con cara posta e traxe de domingo, e eu entre tantos, estreando hoxe a fea tristeza dos domingos.

Pilar Cibreiro

A NARRATIVA

1.- Autor e narrador. 1.1.- Autor: persoa real que escribe a narración. 1.2.- Narrador: voz que cumpre a función de describir o espazo, o desenvolvemento do tempo, as personaxes da novela e a súa acción. Non podemos identificalo co autor (só nas autobiografías). 1.3.- Autor implícito: voz que desde dentro do discurso novelístico transmite mensaxes para a recta interpretación da novela, adianta peculiaridades do discurso, dá informacións complementarias -xeralmente de tipo erudito- e incluso transmite contidos de evidente ideoloxía. Por iso tende a confundirse co autor, do que debe ser distinguido, por ser un ente literario (como moito, poderíamos consideralo como o seu reflexo na obra). Normalmente "superponse" ao narrador. 2.- Punto de vista (perspectiva, focalización)

2.1.- Narrador heterodiexético (hetero=diferente; diexese=historia) é o que relata

unha historia desde fóra sen participar nela como personaxe nin como testemuña. 2.1.1.- Narrador omnisciente é aquel que o sabe todo sobre os personaxes, mesmo o que pensan en cada momento. É como un deus que dirixe a obra e coñece todo. Aparece na novela tradicional. 2.1.2.- Narrador con omnisciencia selectiva é aquel que coñece unicamente os aspectos perceptíbeis desde a perspectiva dun personaxe. 2.2.- Narrador homodiexético é o que participa na historia como personaxe ou testemuña dos feitos. 2.2.1.- Narrador testemuña é aquel que presenciou os feitos, que só narra o que viu, escoitou. Sabe o mesmo que os personaxes, non coñece con anticipación nada do que vai vir... 2.2.2.- Narrador protagonista: un eu protagonista conta a historia coa bagaxe exclusiva dos seus propios coñecementos e informacións. Tamén recibe o nome de narrador autodiexético. 3.- A persoa narrativa. 3.1.- O máis común é a narración en terceira persoa (distanciadora). Xeralmente é a persoa adoptada polo narrador heterodiexético, tradicional. 3.2.- A primeira persoa é escollida xeralmente polo narrador protagonista, autodiexético. 3.3.- Na narrativa moderna, do século XX, tamén se bota man do narrador en segunda persoa (por ex. a NNG). 4.- A voz dos personaxes. 4.1.- Discurso directo: o narrador cédelle directamente a voz ao personaxe. Son polo tanto os diálogos da novela. 4.2.- Discurso indirecto: non se oe a voz do personaxe, é o narrador quen nola transmite coas súas propias palabras. 4.3.- Monólogo interior ou fluxo de conciencia: transcríbense directamente, en 1ª persoa (sen intervención do narrador) os pensamentos máis íntimos e desordenados da personaxe. 4.4.- Discurso indirecto libre: é unha mestura, un híbrido no que a voz do personaxe penetra na estrutura formal do discurso. Introduce o pensamento dos personaxes sen que o narrador abandone a súa tutela nin a 3ª persoa. Como marcas lingüísticas ten o uso do imperfecto de indicativo, a reconversión da persoa "eu" na persoa "el", a afectividade expresiva proporcionada por exclamacións, interrogacións..., así como a ausencia introdutoria dos VERBA DICENDI.

1.1.- CASTELAO. Cousas (1926-1929) Chegou das Américas un home rico e trouxo un negriño cubano, coma quen trai unha mona, un papagaio, un fonógrafo... O negriño foi medrando na aldea, onde deprendeu a falar con enxebreza, a puntear muiñeiras, a botar aturuxos abrouxadores. Un día morreu o home rico e Panchito trocou de amo para gañar o pan. Co tempo fíxose mozo comprido, sen máis chatas que a súa cor... Aínda que era negro coma o pote, tiña gracia dabondo para facerse querer de todos. Endomingado, con un caravel enriba da orella e unha ponla de malva na chaqueta, parecía talmente un mozo das festas. Unha noite de estrelas xurdeu no seu maxín a idea de saír polo mundo á cata de riquezas. Tamén Panchito sinteu, como todos os mozos da aldea, os anceios de emigrar. E unha mañán de moita tristura gabeou polas escaleiras dun trasatlántico. Panchito ía camiño da Habana e os seus ollos mollados e brillantes esculcaban no mar as terras deixadas pola popa. Nunha rúa da Habana o negro Panchito tropezou cun home da súa aldea e confesoulle saloucando: -Ai, eu non me afago nesta terra de tanto sol; eu non me afago con esta xente. ¡Eu morro!

Panchito retornou á aldea. Chegou probe e endeble; pero trouxo moita fartura no corazón. Tamén trouxo un

sombreiro de palla e máis un traxe branco.

1.2- CASTELAO. Cousas (1926-1929) O pai de Migueliño chegaba das Américas e o rapaz non cabía de gozo no seu traxe festeiro. Migueliño sabía cos ollos pechados como era seu pai; pero denantes de saír da casa botoulle unha ollada ao retrato. Os americanos xa estaban desembarcando. Migueliño e a súa nai agardaban no peirán do porto. O corazón do rapaz batíalle na táboa do peito e os seus ollos esculcaban nas greas, en procura do pai ensoñado. De súpeto avistouno de lonxe. Era o mesmo do retrato, ou aínda mellor portado, e Migueliño sinteu por el un grande amor e canto máis se achegaba o americano, máis cobiza sentía o rapaz por enchelo de bicos. Ai, o americano pasou de largo sen mirar para ninguén, e Migueliño deixou de querelo. Agora si, agora si que o era. Migueliño avistou outro home moi ben traxeado e o corazón dáballe que aquel era seu pai. O rapaz debecíase por bicalo a fartar. ¡Tiña un porte de tanto señorío!. Ai, o americano pasou de largo e nin tan sequera reparou que o seguían os ollos angurentos dun neno. Migueliño escolleu así moitos pais que non o eran e a todos quixo tolamente. E cando esculcaba con máis anguria fíxose cargo de que un home estaba abrazado a súa nai. Era un home

que non se parecía ao retrato; un home de cera, coas orellas fóra do cacho, cos ollos encoveirados, tusindo...

Aquel si que era o pai de Migueliño.

Castelao, Cousas.