Docsity
Docsity

Prepara tus exámenes
Prepara tus exámenes

Prepara tus exámenes y mejora tus resultados gracias a la gran cantidad de recursos disponibles en Docsity


Consigue puntos base para descargar
Consigue puntos base para descargar

Gana puntos ayudando a otros estudiantes o consíguelos activando un Plan Premium


Orientación Universidad
Orientación Universidad


prehistoria 1, Apuntes de Prehistoria

Asignatura: Prehistoria, Profesor: Ramón Fábregas, Carrera: Historia, Universidad: USC

Tipo: Apuntes

2017/2018

Subido el 16/01/2018

carmengonzalez9
carmengonzalez9 🇪🇸

5

(2)

3 documentos

1 / 51

Toggle sidebar

Esta página no es visible en la vista previa

¡No te pierdas las partes importantes!

bg1
Descargado en:
patatabrava.com
PREHISTORIA I (USC)
APUNTES ASIGNATURA PREHISTORIA I. CURSO
2015-2016. USC
FÁBREGAS , RAMÓN 16-17
pf3
pf4
pf5
pf8
pf9
pfa
pfd
pfe
pff
pf12
pf13
pf14
pf15
pf16
pf17
pf18
pf19
pf1a
pf1b
pf1c
pf1d
pf1e
pf1f
pf20
pf21
pf22
pf23
pf24
pf25
pf26
pf27
pf28
pf29
pf2a
pf2b
pf2c
pf2d
pf2e
pf2f
pf30
pf31
pf32
pf33

Vista previa parcial del texto

¡Descarga prehistoria 1 y más Apuntes en PDF de Prehistoria solo en Docsity!

Descargado en:

patatabrava .com

PREHISTORIA I (USC)

APUNTES ASIGNATURA PREHISTORIA I. CURSO 2015-2016. USC

FÁBREGAS , RAMÓN 16-

PREHISTORIA I

Apuntes de clase

Introdución á materia

A Prehistoria é o período prolongado de tempo da historia da humanidade anterior á existencia de fontes documentais escritas. Comprende polo tanto dende a aparición dos primeiros homínidos ata a adopción da escritura por parte de diferentes sociedades ou civilizacións, algo que aconteceu en diferentes momentos nas distintas rexións xeográficas. Así mesmo, a prehistoria como disciplina, é a ciencia que trata de coñecer dito período da historia humana.

Nos países anglosaxóns non se fala de Prehistoria como ciencia, senón como período histórico. A disciplina que trata de coñecer este período neste caso é a arqueoloxía. A arqueoloxía é o método único e clave para o estudo da Prehistoria, pero é aplicable a tódalas épocas históricas (Medievo, Idade Contemporánea, etc.). É o método de recuperación e análise dos restos materiais antigos. Unha definición concisa tamén é a de arqueoloxía como técnica de aprehensión do pasado da humanidade a partir dos seus vestixios materiais.

Os límites da Prehistoria

O límite inferior da Prehistoria, é dicir, o seu comezo, está marcado pola aparición do ser humano (xénero homo ), as diferentes especies de homínidos. Hai problemas para determinar o momento preciso deste acontecemento. Actualmente considérase que isto tivo lugar hai 2,5 millóns de anos (2.500.000 bp). Neste aspecto, é importante ter en conta que a característica humana representativa, con pegada no rexistro arqueolóxico, é a fabricación sistemática de útiles.

O límite superior da Prehistoria, é dicir, o seu final, está marcado pola aparición da escritura, pero este fenómeno non se dá en tódolos lugares do mundo ao mesmo tempo, por exemplo cara ó 3300 a.C. no Próximo Oriente (Mesopotamia) e moito máis tarde en América, coa civilización maia. Trátase polo tanto dun límite difuso, variable.

En relación con isto último, fálase de protohistoria para o período de transición entre a Prehistoria e a Historia propiamente dita, período durante o cal un determinado pobo iletrado comeza a ter contacto con culturas letradas e hai referencias escritas para eles. Por exemplo, hai referencias escritas para os pobos da península Ibérica cara ó 900 a.C., pero a escritura non aparece como técnica habitual nese territorio ata o século IV a.C., de maneira que falaríamos de cincocentos anos de Protohistoria.

Conceptos básicos

  • Ecofacto: Achado procedente dun ser vivo, non modificado polos humanos, que aparece nun xacemento. Ex.: sementes, ósos, cunchas ...
  • Artefacto: Calquera resto material con evidencias de manipulación humana. A fabricación sistemática de artefactos é un trazo fundamental da actividade humana.

Outro acontecemento moi importante, de finais de século, é a campaña de Napoleón en Exipto (1798-1799), unha campaña militar na que científicos acompañaron ao exército, documentando obxectos e monumentos do país. Nesta campaña atópase a Pedra de Rosetta (1799, polo soldado Pierre-François Bouchard), que máis tarde sería descifrada, e con ela a escritura xeroglífica, por Jean-François Champollion (1822). Trala expedición a Exipto confeccionouse unha obra enciclopédica, a Description de l’Égypte que supuxo o inicio dos estudos de exiptoloxía.

A Pedra Rosetta contén un decreto de época ptolemaica que está inscrito, gravado na pedra, en grego e en dúas variantes da escritura xeroglífica exipcia: a demótica e a hierática. Co transcurso da campaña, a Pedra acaba en Londres, pero será o francés Champollion quen a descifre en 1822.

Entre finais do século XVIII e o primeiro terzo do XIX, o integrismo relixioso maniféstase como un atranco importante para estudar o pasado a partir da análise de seres vivos. O fundamentalismo cristián baséase na interpretación do Xénese de xeito literal, « o mundo foi creado por Deus en sete días, é moi recente e permanece inmutable dende a Creación ». Esta lectura comeza a chocar de forma cada vez maior coa evidencia científica.

Porén, séguense a facer progresos, ao recoñecer os fósiles como seres extintos e distintos en ocasións das especies actuais. Recoñécese a existencia pasada dunha fauna e dunha flora diferentes das actuais, co que comeza a rachar a idea de inmutabilidade. Os avances en xeoloxía tamén permiten afondar na análise de niveis profundos da terra. Ante este avance das evidencias científicas, algúns investigadores intentan conciliar o creacionismo cos novos descubrimentos. Deste modo xorden as teorías catastrofistas, que intentan conciliar a evidencia paleontolóxica cos tratados bíblicos, aducindo que ao longo do tempo se produciron unha serie de catástrofes que foron seguidas de cadansúa creación, dando lugar a novas especies. Estas teorías foron fortemente cuestionadas, discutidas e impugnadas por algúns investigadores como Thomsen ou Lyell.

Thomsen formulou en 1819 o Sistema das Tres Idades para ordenar os materiais das coleccións reais de Copenhague. Lyell, entre 1830 e 1833 publicou a súa obra The Principles of Geology , na que se sentan as bases da disciplina e se formula a teoría uniformista ou actualista, que dota a historia da Terra dunha maior profundidade temporal. Esta obra séguese considerando na actualidade como básica para a xeoloxía. Actualmente sábese que si que houbo catástrofes planetarias e extincións masivas, p. ex. a caída de meteoritos e a extinción dos dinosauros.

O Sistema das Tres Idades de Thomsen. O rei de Dinamarca encárgalle a Thomsen que ordene as coleccións reais de Copenhague, e este organízaos en función do material dos obxectos, chegando a clasificalos en tres idades: A Idade de Pedra, a Idade do Cobre/Bronce (obxectos de cobre e de bronce) e a Idade do Ferro. Thomsen sabe, non obstante, que estas idades non son compartimentos estancos, ao poder darse o caso de que se utilizasen obxectos de pedra, por exemplo, na Idade do Cobre. Este sistema sirve como ordenación para a cultura material dos diferentes períodos da Prehistoria, e mantense fundamentalmente, con certos matices.

Un punto clave para o estudo da Prehistoria e para a ciencia e civilización occidentais en xeral, foi a publicación en 1859 da obra de Charles Darwin The origin of the species ( A orixe das especies ), que formulou o modelo teórico para explicar os cambios producidos na natureza, establecendo un mecanismo de cambio no ámbito biolóxico, a evolución. Só en 1871 abordará Darwin a cuestión humana de forma expresa.

Certifícase tamén a antigüidade humana co achado de industrias líticas asociadas a fauna extinta nas graveiras do Somme (Boucher e Perthes) e en Inglaterra. Nas terrazas do río Somme, de onde se extraía grava, atópanse artefactos asociados a fauna diferente á actual, o que fixo intuír a existencia de humanos antediluvianos, é dicir, anteriores á última gran catástrofe referida pola Biblia, o Diluvio Universal. Tres anos antes documentárase o achado de seres con características distintas aos humanos actuais, o home de Neanderthal.

Ata comezos do século XX a arqueoloxía vai estar moi influída polo evolucionismo. Charles Darwin formulou a teoría da evolución sen a idea de “survival of the fittest” , i.e. a supervivencia dos máis aptos ou fortes. Darwin non a formulou como tal, senón que esta idea se acuñou no contexto da Europa imperialista, na que se difundiu a doutrina do evolucionismo social ou darwinismo social. A este respecto, Lewis Morgan aplica a idea de evolución das sociedades nun senso lineal cunha división tripartita elemental da historia humana, que pasaría por tres estados: salvaxismo, barbarie e civilización; dándolle especial importancia ao cambio tecnolóxico. As sociedades europeas occidentais representarían o cume da evolución, o paradigma da máis evolucionada civilización, proba dun marcado etnocentrismo.

Karl Marx e Friedrich Engels, influídos por Darwin e por Morgan, adoptarán a visión de que tódolos pobos deben seguir a senda inelutable da historia.

A finais do s. XIX o evolucionismo comeza a ser cuestionado e contestado. Franz Boas propón o particularismo antropolóxico, rexeitando as grandes especulacións teóricas dos evolucionistas para tentar comprender en profundidade as características e a historia de sociedades concretas. Tratábase da concreción no estudo no canto da inferencia e aplicación de grandes esquemas. O particularismo, xunto co difusionismo, vai ter especial importancia no que se deu en chamar arqueoloxía tradicional (escola histórico-cultural) ata despois da Segunda Guerra Mundial, posto que a partir dos anos 60 xorde a “ New Archaeology” ou arqueoloxía procesual (ou procesualismo), de forte arraigo aínda na actualidade, a pesares de que nos anos 80 xurdiu unha nova corrente, a postprocesual, entre outras.

A teoría e o método arqueolóxico viviron tres grandes momentos:

  • Primeiro: A escola histórico-cultural, representada por autores como V. Gordon Childe ou H. Breuil, de comezos do s. XX e influída polo particularismo do antropólogo Franz Boas, que rexeitou os grandes esquemas evolutivos xeneralizadores do evolucionismo unilineal, postulando que as sociedades hai que analizalas no seu contexto, e que evolucionarán ao longo do tempo de maneira particular. O interese céntrase sobre culturas arqueolóxicas de rexións concretas, para analizalas con gran detalle.

Na arqueoloxía postprocesual xúntanse elementos do estruturalismo, do marxismo e das críticas feitas ao positivismo pola Escola de Frankfurt. Fronte á pescuda de leis sobre o comportamento humano, reivindícase o papel da ideoloxía tanto do propio arqueólogo como dos individuos ou grupos de interese das sociedades prehistóricas. O rexistro arqueolóxico equipárase a un texto aberto a diferentes interpretacións, as cales dependerán das circunstancias culturais e históricas. Asístese á recuperación de enfoques marxistas non dogmáticos e á apertura da arqueoloxía cara a novas cuestións, como o feminismo, as reivindicacións indíxenas que xorden da descolonización, etc.

Hoxe en día, hai tendencia en arqueoloxía a mesturar as tres grandes propostas vistas, prestando especial atención ao procesualismo pero atendendo tamén ás críticas apuntadas polos postprocesuais. Seguramente haxa nos próximos anos algunha innovación teórica, posiblemente en relación cos estudos de xenética sobre a Prehistoria e co desenvolvemento de novas técnicas arqueolóxicas.

AS FONTES DA PREHISTORIA

A arqueoloxía é a principal fonte documental para a reconstrución da Prehistoria. A interacción entre arqueólogos, a tecnoloxía utilizada e os feitos descubertos afectan á información que se vaia a obter dunha determinada análise. É necesaria, así mesmo, unha aproximación interdisciplinaria para reconstruír o pasado histórico, polo que se recorre a disciplinas moi diversas no eido das ciencias naturais e das ciencias humanas e sociais, que pasan a ser disciplinas ou ciencias auxiliares da arqueoloxía. As principais son: antropoloxía (física e cultural), bioloxía, xenética, medicina, xeoloxía, química, física, xeografía, historia, literatura, lingüística, arte, edafoloxía, etc.

Exemplos disto poden ser, en literatura e historia, a existencia de textos escritos onde se fan referencias de interese para a localización de poboados, túmulos, mámoas, etc. ou os mitos e lendas, en ocasións baseados na realidade, referidos aos mesmos, como lendas de cidades asolagadas ou poemas épicos ( Ilíada, v.gr. ).

A toponimia en ocasións sinala a existencia de restos prehistóricos ou a presenza de pobos con linguas diferentes (ex. Castro, Mouros...). É particularmente conservadora, sobre todo nalgunhas vertentes como o caso dos hidrónimos, p. ex. o do río Guadiana, que conserva as raíces wadi , río, en árabe, e anas , o mesmo significado nunha lingua antiga.

A lingüística comparada trata de cotexar as distintas linguas para analizar as súas similitudes e diferenzas, podendo determinar a súa orixe e tamén achegarse a características sociais dos seus falantes. Así se establecen diferentes familias lingüísticas: as linguas indoeuropeas, as amerindias, as preindoeuropeas, as semíticas... Non obstante hai algunhas linguas illadas, que non pertencen a ningunha desas familias. É o caso do vasco, do etrusco ou do exipcio, por exemplo.

O LABOR ARQUEOLÓXICO

O estudo do pasado prehistórico comprende dous grandes apartados, o traballo de campo (prospección e escavación) e o traballo de laboratorio (análise).

Un 25% dos xacementos son descubertos de maneira fortuíta, debido a factores humanos (lendas, obras, traballos agrícolas...) ou naturais (movemento de terras, erosión, etc.). Na actualidade a fotografía aérea e outras técnicas de teledetección son de gran utilidade para a localización de xacementos.

A prospección ten como finalidade a localización e avaliación dos xacementos arqueolóxicos. Pode ser intensiva, cando se realiza sobre superficies limitadas, acoutadas, o cal implica a revisión da zona seleccionada co fin de localizar todo tipo de restos ou indicios dos mesmos; e pode ser extensiva, cando se realiza sobre maiores superficies, revisando só partes escollidas do terreo, e orientada á localización de xacementos determinados e de boas dimensións. Son indicadores da existencia de xacementos as estruturas (muros, pozos...) soterradas en prados e pastos de baixa vexetación, en tanto que se aprecian diferenzas no crecemento das plantas, por exemplo medrando moito cando se atopan sobre antigos pozos, e cun baixo crecemento cando se atopan sobre antigos muros, zonas de pouca profundidade do solo.

Desenvolvéronse diferentes técnicas para a percepción destes indicios, como as sondaxes mediante métodos xeofísicos: radar de penetración, LIDAR, resistividade eléctrica, magnetismo remanente (ou susceptibilidade magnética). O magnetismo do terreo varía segundo a cantidade de pedras e de terra, debido a que variará por ende a composición mineral do solo (ex. Double Ditch site, en Dakota do Norte). Para medir a resistividade eléctrica pásanse correntes por unha malla sobre o terreo. O LIDAR ( Light Detection and Ranging ), tecnoloxía láser, é un sistema óptico de medición da luz reflectida por obxectos afastados para determinar a distancia, e a partir desta información, precisar unha posición. Obtense o detalle topográfico ignorando a cobertura vexetal.

Mediante a escavación extráense e documéntanse de xeito sistemático os artefactos, ecofactos e estruturas vinculadas á actividade humana nun xacemento arqueolóxico. Realízase a lectura da estratigrafía (serie de estratos ou niveis do xacemento). Un estrato é unha camada de terra cunha composición e materiais de características distintivas. A estratigrafía vertical, que coincide coa da xeoloxía, presenta a superposición de ocupacións do xacemento de abaixo a arriba, de maior a menor profundidade. A estratigrafía horizontal define a superposición de ocupacións nun mesmo plano, nunha mesma superficie, é unha lectura exclusiva da arqueoloxía e inclúe un elemento humano: a intencionalidade, posto que a ocupación se vai producindo en función dun ou doutro criterio (refuxio de vento e chuvia, situación determinada, etc.). Por exemplo isto pódese dar nun cemiterio ou necrópole, lugares de enterramento, onde as tumbas máis antigas non van estar necesariamente nun nivel de profundidade maior ao das máis recentes.

O Pleistoceno ten así mesmo unha división trifásica: Pleistoceno Inferior (2, Ma^2 - 700.000 anos bp^3 ), Pleistoceno Medio (entre os 700.000 e os 100.000 anos bp) e o Pleistoceno Superior (entre os 100.000 e os 11.000 anos bp, aproximadamente). O Holoceno comeza hai uns 11.000 anos cun cambio de tipo económico e cultural decisivo para a humanidade, a chamada Revolución Neolítica, o inicio do cultivo de plantas e da domesticación de animais, o paso dunha economía depredadora a unha economía produtora.

Un dos aspectos que caracterizaron tradicionalmente o Cuaternario é o das continuas oscilacións térmicas que se dan durante este período. Observando uns depósitos glaciais definíronse catro glaciacións, pero non ten moito sentido manter esta división cuadripartita do Cuaternario, posto que observando un gráfico das oscilacións térmicas do Pleistoceno, vese que hai continuas variacións, cambios moi extremos en ocasións, conque se observa unha sucesión de momentos cálidos e momentos fríos. A alternancia é constante. Ao longo de 800.000 anos danse un total de dezaoito estadios isotópicos. Co termo de estadio ou estadial defínense as fases frías, glaciares, e co termo de interestadio ou interestadial defínense as fases cálidas, interglaciares. Actualmente atopámonos no Holoceno, unha fase interglaciar, un interestadio.

A información paleoclimática obtense acudindo a diferentes rexistros. Un rexistro importante é o que se obtén da análise dos esqueletos silíceos dos foraminíferos, un compoñente do plancto, atopados en sedimentos mariños. Estes esqueletos reflicten a composición da auga mariña no seu momento, revelando a presenza de elementos como o isótopo O 18 , que cando fai moito frío, queda retido no xeo e tende a diminuír na auga, e por conseguinte nos esqueletos citados. A datación dos sedimentos onde se atopan realízase por medio doutras técnicas. Outro obxecto de análise ao que acudir son as columnas de xeo a gran profundidade, para rexistrar así mesmo a cantidade de O 18 retida nel. A partir destes testemuños establécese a existencia de variacións climáticas ao longo do Pleistoceno. Porén os cambios climáticos tamén se producen na actualidade, como evidencia o exemplo do retroceso do glaciar Muir entre 1941 e

A glaciación Würm (estadio isotópico) foi o último gran arrefriamento, que chegou ao seu máximo no que se chama pleniglacial würmiense, durante o cal en Galicia os veráns eran moi curtos e os invernos moi fríos, chegando a unha equivalencia térmica co actual centro de Escandinavia.

Durante os períodos fríos, o nivel do mar baixa notablemente, quedando retida a auga nos glaciares. A banquisa, i.e., a superficie do mar conxelada durante o inverno, chegaba ata a costa norte da península Ibérica. Os icebergs eran abundantes. Nos momentos interestadiais, como Europa entre o 120.000 e o 20.000 bp, a fauna e a flora experimentaban cambios, desenvolvéndose as formacións de tipo bosque por Centroeuropa e máis ao sur e incluso nas illas Británicas. As especies animais estaban adaptadas a este tipo de paisaxe.

(^2) Ma: Abreviatura latina de Mega annum , unidade de tempo equivalente a un millón de anos. (^3) bp ou BP: Abreviatura do inglés before present , antes do presente.

En períodos estadiais (fríos) predominaban a tundra e a estepa (paisaxes abertas) e os bosques de coníferas, mentres que retrocedía a vexetación caducifolia. Os animais predominantes eran o mamut, o reno, o cabalo, o rinoceronte lanudo, o uro, o bisonte e os cérvidos. En períodos interestadiais (cálidos ou temperados), avanzaba a vexetación mediterránea e o bosque caducifolio, manténdose non obstante a vexetación alpina e o bosque de coníferas. A fauna estaba adaptada ao ambiente boscoso, onde se desenvolvían animais de tamaño mediano e pequeno, mentres que os grandes animais quedaban reducidos ás paisaxes abertas, que retrocedían en tamaño.

A excentricidade da rotación da Terra comeza a variar hai uns 800.000 anos. Os ciclos ou alternancias entre estadios e interestadios tenden a facerse máis prolongados e as diferenzas entre fases cálidas e fases frías fanse máis notorias.

As varvas son formacións que aparecen nos lagos próximos a áreas glaciais como consecuencia do retroceso de glaciares continentais que tenden a formar lagos ao tempo que se van formando barreiras de sedimentos. As varvas presentan capas claras e capas escuras segundo o tipo de sedimento e o período.

Unha circunstancia que complica a reconstrución das liñas costeiras é que nos momentos fríos, coa formación de grandes glaciares, parte da auga da liña de costa queda retida en forma de xeo nos continentes, polo que descende o nivel do mar. A conformación das costas, i.e., a forma dos continentes, depende de dous fenómenos: a eustase ou movementos eustáticos, que son o aumento e/ou redución do volume de auga no planeta; e a isostase ou movementos ou fenómenos isostáticos, que son o ascenso e/ou descenso do nivel da codia terrestre en función da cantidade de xeo que gravita sobre esa superficie (sobre cada placa tectónica). Complícase por isto a reconstrución das liñas costeiras. Por exemplo derrétense ou fúndense os glaciares e aumenta o nivel do mar, pero pode aumentar tamén o nivel da costa por causa da isostase, que será v. gr. a causa da formación dos fiordos ( fjord ) noruegos ou dos firth escoceses.

A formación de terrazas fluviais tamén é consecuencia da alternancia de períodos glaciais e períodos interglaciais, debido á erosión que exerce o xeo, pero tamén moitas veces a combinacións máis ou menos complexas de movementos isostáticos e de movementos eustáticos. Este fenómeno adoita afectar aos ríos no seu curso baixo.

No Pleistoceno Superior e no Holoceno tamén se relacionan os niveis de CO 2 da atmosfera e os ciclos glaciais. En períodos fríos diminúe o nivel de CO 2 , mentres que aumenta nos períodos cálidos. Actualmente o nivel de dióxido de carbono está en 380 ppm (partes por millón), o que supón un proceso de quecemento moi acelerado, xa que coincide cun período interestadial, de quecemento natural, fortemente acentuado ou magnificado pola acción antrópica coa emisión constante de gases de efecto invernadoiro á atmosfera.

Sobre isto último, o tema do quecemento global e o cambio climático, hai moitas especulacións, pero as principais barallan dúas hipóteses:

O primeiro homínido a quen se lle atribúe a elaboración de útiles é o Homo habilis , o primeiro antecedente do home actual. Ao habilis seguíronlle outras especies como o Homo erectus ou ergaster , o georgicus, o heidelbergensis , o neanderthalensis e o sapiens , a nosa especie, entre outros homínidos definidos ao longo dos anos de investigación.

O Olduvaiense constitúeno principalmente as culturas desenvolvidas polo Homo habilis e polo Homo erectus. O Olduvaiense antigo sitúase na zona de Awash (Etiopía) e en Kenia (2,6 Ma bp en Gona; 2,3 Ma bp en Lokalalei). O complexo industrial olduvaiense é de industrias moi simples, onde abundan os núcleos e fragmentos de núcleos e lascas. É utilitaria e pouco elaborada. Utilízanse rochas volcánicas e algunhas silíceas, principalmente. As lascas empregábanse para cortar carne, vexetais, etc. A técnica para a fabricación dos útiles era o golpeo da pedra, do cal, ademais de modelar o núcleo golpeado ou percutido, se obtiñan lascas que saltaban e que eran utilizadas como elementos cortantes. Os artífices eran maioritariamente destros. Hai discusión ao consideraren algúns investigadores que as industrias de Gona poderían ser obra dun tipo de australopithecus ( Australopithecus Garhi ), consideración que polo común non é moi aceptada, dándoselle a estas industrias unha maioritaria atribución humana.

O desenvolvemento da industria olduvaiense representa por primeira vez de forma clara a obtención de recursos grazas a unha característica cultural (extrasomática, non anatómica, como sucede na maioría dos animais). En Olduvai foi onde primeiro se definiu o Olduvaiense clásico, chamado nun principio “Pebble Culture” ou “cultura dos cantos tallados”. Un Olduvaiense máis evolucionado dáse en torno aos 2 Ma bp. Xunto coas abundantes lascas, hai un instrumental plurifuncional, pouco especializado, vinculado ao corte e á percusión: os choppers , cantos tallados unifaciais (por unha cara), e as chooping tools , cantos tallados bifaciais (polas dúas caras). Utilizábanse para cortar de maneira violenta, cortar con golpes, tipo machetada.

A maior parte dos útiles atopados no Olduvaiense son lascas, fragmentos extraídos no curso da talla deses seixos. A utilidade destas como instrumentos cortantes ben podía ser quitarlle as carrilleiras a un ñu ou a unha gacela, por exemplo. Outra das formas que tamén aparecen é o poliedro, un canto tallado por diferentes lados a causa do desprendemento de lascas polos golpes realizados durante o seu uso. Non é un útil elaborado propiamente, senón que a súa forma defínese polo uso. A súa presenza indica a importancia dos traballos de percusión.

As formas de vida no Paleolítico Inferior Arcaico

Durante o Paleolítico Inferior hai que ter en conta que existen varias especies de homínidos con estratexias de subsistencia e tecnoloxías probablemente diferentes. É probable que o xénero humano ( Homo ) xurda dalgún australopiteco antigo (p. ex. A. Afarensis, A. Garhi ). Entre os 2 Ma e os 1,5 Ma bp é moi posible que convivisen diferentes homínidos e australopitecos, sobre todo en Sudáfrica e en África oriental, ata que algunhas especies fosen desaparecendo por problemas de adaptabilidade.

Ao igual que os nosos parentes máis próximos, os chimpancés, os homínidos teñen unha alimentación fundamentalmente vexetariana, pero entre os Homo dáse un aumento do consumo de carne mediante a carroñeo e a caza oportunista nun primeiro momento. Non así sucede entre os Australopithecus.

Estes homínidos, de pequena estatura e baixo peso, non necesitaban grandes cantidades de carne, pero van medrando ao consumiren estas proteínas. Desenvólvense nunha paisaxe aberta, tipo sabana, e só se atopaban formacións boscosas importantes nas inmediacións de lagos e de cursos de auga. Estas manchas espalladas pola sabana eran fundamentais para buscar refuxio, sobre todo de noite, contra os grandes depredadores. É moi posible que estas xentes vivise ou residisen de maneira máis habitual nestas pequenas formacións boscosas.

Propóñense dous modelos en relación co asentamento:

— O modelo de Binford: A xente vivía na sabana en pequenos grupos. Modelo individualista, afirma que dentro do grupo, cada individuo buscaría os seus propios recursos. — O modelo de Glynn Isaac, máis social, cooperativo, sería unha forma máis efectiva, polo que se acepta máis ca o modelo de Binford. Adecúase mellor ao que sería a situación real. Os individuos conseguirían unha protección ao organizárense en grupos expedicionarios na procura de recursos e para o posterior reparto dos mesmos. Localizaríanse en áreas húmidas, pola maior dispoñibilidade de auga e pola maior posibilidade de que aparecesen animais cadáveres e vivos, para o carroñeo e a caza oportunista.

A industria acheulense (ou achelense)

É o outro gran complexo industrial do Paleolítico Inferior, definido primeiramente en Francia con descubrimentos no Somme de hai uns 700.000-800.000 anos, especialmente o de Saint Acheul, que lle dá nome ao complexo. Arredor de hai 1,5 Ma coñécese en África oriental unha industria denominada Acheulense. Distribúese por toda África e o sur de Eurasia, ata chegar á India, agás no Extremo Oriente, onde perviven as culturas dos cantos tallados. O Abevilense ou Chelense é unha industria intermedia entre o Olduvaiense e o Acheulense que algúns investigadores tenden a considerar como unha forma antiga de industria de tipo acheulense. Este complexo perdura ata hai uns 150.000 anos.

Trátase dunha industria lítica máis elaborada ca a anterior, con artefactos de gran tamaño, feitos sobre núcleo (bifaces, triedros, choppers ) ou sobre gran lasca (fendedores) e instrumental máis pequeno e especializado sobre lascas, cada vez máis abundante (coitelos de dorso, raedeiras, muescas). Tamén se coñecen algúns exemplos de lanzas de madeira. Útiles de gran formato, nucleares, son o bifaz, o triedro e o chopper.

A importancia do lume para o contexto no que se comezou a dominar vén dada polo que representa: defensa fronte aos animais, fonte de luz e calor, posibilidade de preparar alimentos e artefactos (sílex, madeira, ocre), a posibilidade de visión nocturna por iluminación e a súa condición de elemento de socialización.

O poder calorífico do lume vai posibilitar a ampliación dos lugares e áreas xeográficas de asentamento dos humanos. O cociñado de alimentos supón melloras sanitarias, coa eliminación de certos microorganismos prexudiciais e co abrandamento da carne, que reduce o esforzo mastigador e dixestivo, o cal coa evolución, redundará nunha progresiva redución do aparato mastigador (mandíbula e dentame).

O lume é útil tamén para o tratamento do ocre, un óxido de ferro que ao quentarse adopta unha cor vermella intensa, e que ten importancia ao ser o primeiro colorante utilizado para tinxir corpos (de vivos e de defuntos), pintar nas paredes e tamén utilizado como adhesivo.

É importante tamén o papel do lume como elemento de socialización, posto que se produce a congregación dos individuos arredor da fogueira, que devén en elemento aglutinador do grupo, facilitando a integración social, a comunicación e a interacción, aspectos moi importantes para a consolidación das primeiras sociedades humanas. Por todo isto, as consecuencias do descubrimento e do manexo do lume son cruciais para a humanidade.

O Paleolítico Inferior Final

Despois do Homo habilis , o Homo ergaster , o erectus e outros como o antecessor ; realiza a súa aparición o Homo heidelbergensis , polos restos atopados cerca de Heidelberg e tamén en Atapuerca. Este será antepasado do Homo sapiens e tamén do Homo neanderthalensis.

Hai discusión sobre as habilidades cinexéticas das xentes da industria acheulense, ante a aparición de xacementos con ósos de grandes animais (elefantes e outros) que terían sido obxecto de cacerías e carnicerías considerables. Algúns autores apuntaron que aqueles humanos conducirían os animais ata sitios complicados para a súa mobilidade, por exemplo zonas pantanosas ou lagoas e precipicios. Alí atacaríanos ata dárenlles morte. Quizais non houbese tanta organización, algo que en todo caso dependería do tamaño do grupo, i.e. do número de cazadores, senón que se trataría máis ben dunha caza oportunista. Podería tamén ser exemplo dun maior achegamento á caza organizada dende as prácticas depredadoras primitivas humanas que eran o carroñeo e a caza oportunista. A cuestión segue a ser obxecto de discusión.

O compoñente vexetal na dieta paleolítica seguía a ter un papel fundamental. Era xente máis colectora que cazadora, o que ocorre é que son máis difíciles de documentar os elementos vexetais da dieta que os elementos animais (ósos, restos de lume, instrumentos cortantes...). Tamén debían de integrar na súa dieta outros alimentos como larvas, eirugas e outros insectos, que resultan en realidade bastante nutritivos, e son ademais máis fáciles de recoller.

Indicios dalgúns aspectos psico-sociais

No xacemento alemán de Bilzingsleben atopouse un fragmento de óso con trazos rectilíneos, interpretándose unha maneira de decorar, marcar un indicar algo. Trátase dun leve labrado que constitúe o único elemento que se pode quizais desvincular un tanto da mera actividade de supervivencia.

Na Sima de los Huesos de Atapuerca, atopáronse restos duns trinta individuos de Homo heidelbergensis , conxunto datado en hai algo menos de 500.000 anos, presentándose a posibilidade de estar ante a primeira deposición intencional, ao non haber outras explicacións convincentes para tal acumulación de ósos. Trataríase polo tanto da evidencia máis antiga dunha forma de enterramento.

Dunha maior antigüidade, ca. 780.000 bp, temos o nivel TD6 de Trinchera Dolina, tamén en Atapuerca, onde se atoparon restos de seis individuos con evidencias de canibalismo. Xunto a eles apareceron ósos de cérvidos, bóvidos e cabalos que foron cazados e restos tamén de mamut e rinoceronte probablemente carroñeados. O canibalismo moitas veces reflicte posibles conflitos entre grupos de individuos polos recursos alimenticios. Noutras moitas ocasións, asóciase a crenzas ou rituais, como por exemplo intentar absorber a forza, a intelixencia e/ou a esencia dun individuo ao inxerir as súas vísceras e carnes. En Trinchera Dolina o canibalismo débese máis á necesidade alimentaria, i.e. a fame, ca a outra cousa.

Na Sima de los Huesos de Atapuerca apareceron os restos dun individuo de avanzada idade, arredor dos 45 anos aproximadamente. Este individuo, segundo a análise efectuada dos restos, tiña un problema nas vértebras lumbares que lle impediría cazar e andar con axilidade. Porén, sobreviviu bastantes anos, seguramente axudado polos demais membros do grupo, dándose así unha mostra de solidariedade intragrupal. Camiñaría así mesmo apoiado a unha vara ou bastón.

A industria chatelperronense enmárcase cronoloxicamente entre o 40.000 e o 30.000 bp aproximadamente. Nesta época, dende África e o Próximo Oriente, están entrando en Europa os inmigrantes de especie Homo sapiens , con novas tecnoloxías e novas ideas. O Chatelperronense puido ser en gran medida a resposta dos neandertais á chegada destas novas xentes coas súas ideas, trazos culturais e innovacións técnicas. Caracterízase por presentar elementos característicos semellantes aos do Musteriense (raedeiras, lascas...) e outros elementos líticos xa propios do Paleolítico Superior, os laminados. Así mesmo dáse a aparición de elementos ornamentais, o adorno persoal, o cal supón un cambio importante na percepción deles mesmos, sendo un trazo propio dos humanos modernos en todas partes.

As xentes do Paleolítico Medio (neandertais, e outros) seguen sendo cazadores- colectores cun compoñente dietético vexetal moi importante. Dos neandertais sábese que eran xa cazadores expertos que seguramente se enfrontarían a animais de tamaño medio e grande, o cal requiría dunha maior intelixencia técnica, ao ser necesarias as estratexias de caza, como por exemplo asustar os animais e conducilos cara a lugares complicados. Ex.: Unha cacería de caprinos que son conducidos a un barranco polo que caen, morrendo e sendo aproveitadas as súas carnes polos individuos cazadores. Parece ser tamén que os neandertais practicaban un tipo de caza arriscada, achegándose a animais perigosos, o que explicaría os traumatismos rexistrados en moitos dos restos óseos analizados, traumatismos equiparables aos sufridos polos practicantes dos rodeos americanos.

O aproveitamento de recursos mariños dáse máis ben no Paleolítico Superior. En Gorham’s Cave, Xibraltar, hai evidencias de pesca e marisqueo datadas cara ó 28. bp.

O Paleolítico Superior (40.000-10.000 bp aprox.)

O Paleolítico Superior coñece unha serie de cambios no ámbito tecnolóxico. Aparecen as industrias laminares, prodúcese unha maior especialización dos útiles, desenvólvense novas técnicas de retoque, aparece a industria ósea e aparecen tamén novos útiles de caza (como os propulsores e quizais tamén arcos), ademais de haber indicios de sofisticación da vestimenta (agullas, peles cosidas...).

A especie protagonista deste último período do Paleolítico é o Homo sapiens , o home moderno. Nun primeiro momento o seu comportamento non se diferencia demasiado do dos neandertais, pero a partir de hai uns 50.000 ou 40.000 anos xa se empezan a dar mostras de maior complexidade ideolóxica, de pensamento, interacción co medio, vida en sociedade, etc.

No ámbito ideolóxico, dáse a aparición do adorno persoal, a arte rupestre e a xeneralización dos enterramentos. No ámbito socioeconómico, acontece un incremento demográfico e cambios nos asentamentos, con xacementos ao aire libre en cabanas, intensificación das relacións intergrupais, etc.

As industrias laminares

A técnica consiste en tirar dun núcleo fragmentos, láminas, un tipo de lasca particular, fina e alongada, cunha lonxitude superior ao dobre do ancho e bordes paralelos. Para obter as láminas é necesaria unha preparación do núcleo e unha materia prima de certa calidade. As razóns que explican e promoven o desenvolvemento das industrias laminares son as seguintes:

a) A estandarización da produción para a utillaxe^4 , é dicir, a fabricación de repostos para os diferentes útiles ou ferramentas. As láminas son intercambiables e multifuncionais, polivalentes, polo que resultan máis doadas as tarefas de mantemento e reparación de útiles. b) Permítese un maior aproveitamento da materia prima, o cal era necesario debido á escaseza da mesma e pola necesidade de alixeirar o peso no transporte dos materiais, facilitando a mobilidade dunha poboación nómade, ao outorgar certo grao de independencia das fontes de materias primas.

A partir do Paleolítico Superior aparecen outras técnicas que acompañan á percusión directa, como a percusión indirecta, isto é, a utilización dun elemento intermedio (cicel) entre o percusor e o núcleo, e tamén a talla por presión. Trabállase moito con laminiñas no Pospaleolítico ou Mesolítico, onde se xeneralizan os soportes pequenos. A técnica de talla por presión tamén se traslada ao retoque: o retoque mediante presión xeneralízase no Solutrense.

Os útiles son máis especializados, e hai unha tendencia á diminución do tamaño dos utensilios, para conseguir unha maior manexabilidade e un menor peso.

O buril é un utensilio que experimenta gran difusión no Paleolítico Superior, aínda que xa existía tanto no P. Inferior como no P. Medio. Os burís son numerosos e variados, e a variedade parece ser debida ás diferenzas rexionais na súa execución.

Un buril é un útil que se pode elaborar indiferentemente sobre lasca ou sobre lámina. Mediante un golpe lateral que se lle dá nun extremo, fórmase un bisel. Unha superficie plana xunto con outra recortada ou biselada forman un ángulo diedro. Unha vez partida a lasca ou lámina, dáselle un retoque aos lados que formarán o ángulo diedro, despois poderase seguir retocando para perfeccionar a peza.

O ángulo diedro, xerado pola confluencia dun bisel e dunha superficie retocada, resulta un fío mecanicamente moi resistente, que permite traballar sobre materiais duros (asta, pedra). Tamén se relaciona coa afección das xentes do Paleolítico Superior por pintar nas paredes das covas, elaborar e decorar obxectos. Trátase polo tanto dunha utillaxe artística e funcional. Tamén se utilizaban para afiar ou lixar sobre materiais duros. Estaban moi vinculados aos traballos do Paleolítico Superior.

(^4) O termo “utillaxe” non está rexistrado no Dicionario da RAG, non obstante é necesario utilízalo como

adaptación do francés outillage.